Un concerto en Mercurín o venres 4 e outro en Seceda o sábado 5 pechan o CourelSon 2023

Neste momento estás a ver Un concerto en Mercurín o venres 4 e outro en Seceda o sábado 5 pechan o CourelSon 2023

Luns, 31 de xullo de 2023.- A Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel remata o venres 4 e o sábado 5 o conxunto de concertos do seu ciclo de Jazz e Blues na montaña con dúas actuacións que ningún dos amantes da música e, en concreto, destes xéneros, debería perder.


Ademais, como sempre, desenvolverán unha serie de actividades paralelas nas que tentarán seguir dando a coñecer a serra.


Jarbis
O venres 4, a partires das 20:30 horas e, coma sempre, de balde, actuará nas Airas do Chao de Mercurín Jarbis.


Jarbis é un potente grupo galego de Blues e R&B formado hai dous anos pola unión de catro músicos procedentes doutras formacións que buscaban dar renda solta á súa paixón polo estilo eléctrico de Blues xurdido en Chicago a mediados do século XX. A formación clásica de baixo, guitarra eléctrica, harmónica e teclado que conseguiron unir neste proxecto non deixará a ninguén indiferente: clásicos do Blues, pero tamén versións de Rock, R&B e algún tema propio encherán as airas de Mercurín de música de calidade. Non en van, a pesares da súa xuventude, estamos ante un dos grupos de Blues máis destacados no panorama galego actual; toda unha sorpresa para os que aínda non os coñezan.


Nastasia Zürcher & The Beauty Full Band
Xa o sábado 5, de novo gratis e a partir das 20:30 horas, na Aira da Cima de Seceda, outro prato forte para rematar o Courelson 23: Nastasia Zürcher & The Beauty Full Band.


Poucas veces se poderá ver no Courel un concerto como este, con 6 músicos totalmente entregados enriba dunha aira e coas paisaxes da fermosa Seceda ás súas costas.


A cantante e compositora galego-suíza vén de consagrarse como ‘Artista do Ano’ nos Premios Martín Códax da Música 2022, premios galegos da música nos que tamén foi galardoada polo mellor proxecto na categoría de ‘Blues, Funk e Soul’. Todo, o ano da estrea do seu novo disco, nova xira e nova banda para directos.


‘But Life Is Beauty Full’ é o seu terceiro álbum de estudo, un compendio de temas propios cantados en catro linguas (inglés, galego, francés e castelán) que bebe do neo-soul, o afro-funk e o pop-folk de autora e que poderemos desfrutar para pechar o noso CourelSon 23.


Dende a mesma praza da Quintana, ata en escenarios para centos de persoas, Nastasia Zürcher e a súa banda presentan en directo un show potente, enérxico e luminoso, cheo de matices, clímax e swing, que nos leva a viaxar polo mundo das emocións a ritmo de Soul-Funk, pegadizas melodías, catárquicas letras e a inconfundible voz e carisma de Nastasia, quen lidera un dos proxectos máis interesantes do panorama musical galego.


Con este terceiro disco, a artista que representou a Galicia en Holanda no Festival Liet Internacional 2018, sendo dobremente galardoada, consolida unha carreira profesional baseada na liberdade creativa como motor de florecemento, e perfilando unha proxección nacional e internacional coa que compartir a súa persoal maneira de facer sentir a música. En definitiva, un peche de ouro para o CourelSon 2023.


Actividades paralelas
En canto ás actividades paralelas, nesta ocasión van ter o mel como protagonista, aproveitando que os dous pobos das actuacións se caracterizan por ser emprazamentos únicos para a produción deste produto, sen o cal non se entendería a paisaxe actual do Courel.
Preténdese amosar o territorio e aos que traballan por el. Así, o sábado 5 ás
10:30 horas haberá unha saída cos que se animen polos arredores de Mercurín, nunha ruta de baixa dificultade que rematará cunha visita a sé de Mel O Galeirón, onde Branca e Diego, os seus apaixonados propietarios, explicarán todos os segredos do seu traballo.


Xa na tarde do sábado, a partir das 18:00 horas, e aproveitando que Seceda é outro dos núcleos fundamentais na elaboración do mel na serra, haberá unha visita ao albar rehabilitado da Escontrela. Alí María, de CouMel, ofrecerá un curso rápido da evolución histórica dos trobos e colmeas.


Ademais, para esta visita contarase cun convidado relator de luxo, Guillermo Palomero, presidente da Fundación Oso Pardo, que introducirá aos asistentes no traballo que se está facendo en toda a Cordilleira Cantábrica para a protección deste animal sen o cal non entenderiamos tampouco a arquitectura típica da serra e, en concreto, dos arredores de Seceda.


Xa para rematar, o domingo 6, a partires das 10:30 horas, será o momento de saír pasear por Seceda en grupo e así coñecer e comprender de primeira man a paisaxe e a historia deste pobo e, xa que logo, do Courel. Tamén haberá saborosas e doces sorpresa para os que asistan ás actividades.


Deste xeito ponse fin ao CourelSon 2023 e trabállase xa por unha edición “igual ou mellor para o 2024, se isto é posible”, subliñan desde a Asociación.