O CourelSon 2023 volve os días 23 e 24 de xullo con dous concertos, en Paderne e Vieiros

Neste momento estás a ver O CourelSon 2023 volve os días 23 e 24 de xullo con dous concertos, en Paderne e Vieiros

Mércores, 12 de xullo de 2023.- A Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel segue adiante co CourelSon 2023, Jazz e Blues na Montaña, que o domingo 23 achega á aira do Quintairo de Paderne o concerto de Marcos Coll e Adrián Costa. A actuación será a partir das 20:30 horas con entrada libre.

Máis de dúas décadas enriba dos escenarios de todo o mundo contemplan a estes dous músicos imprescindibles na escena do blues europeo, ben con esta formación (coñecida internacionalmente como ‘Los Reyes del KO’) ou por separado. Non hai ningunha figura actual do Blues que non teña requirido da harmónica de Marcos ou da guitarra e voz de Adrián para acompañalos nalgún dos seus directos. Os mellores festivais, os mellores escenarios e, como non podía ser doutro xeito, tamén o CourelSon tiña que desfrutar destes dous monstros do blues mundial.

Teñen tocado por separado en todos os recunchos que se poden imaxinar e enchen o aforo de calquera lugar no que toquen, polo que poucas oportunidades que teñen os afeccionados ao blues de escoitar a estes dous mitos do escenario tocando en parella, e esta vai ser unha delas, coa Devesa de Paderne como espectadora.

Ademais, ao longo da tarde desenvolveranse distintas actividades en Paderne. Ás 18:00 horas farase unha ruta micolóxica aberta a todo o público dirixida pola Sociedade Micolóxica Lucus. E ás 20:00 horas poderase asistir á inauguración da exposición itinerante sobre ‘Os Padernes’, os músicos que serviron de inspiración para a creación CourelSon. A mostra vainos acompañar o que queda de ano en todas as actividades que desenvolva a asociación, pero o lugar de presentala non podería ser outro que a aldea na que naceron e desenvolveron a meirande parte da súa actividade creativa.

Luns 24

O luns 24 segue a festa e a música en Vieiros, coa actuación do quinteto ‘Dúbida’ na aira do pobo a partires das 20:30 horas, tamén de balde. O CourelSon caracterizase por xuntar grandes figuras do Jazz e Blues con grupos prometedores aos que lles damos a oportunidade de compartir cartel con eses mestres. É o caso de ‘Dúbida’, quinteto de funk/blues compostelán formado hai menos de tres anos por cinco músicos que, aínda que novos, teñen unha grande experiencia musical ás súas costas. Vai ser toda unha sorpresa para os que asistan e non os coñezan aínda.

Ademais, ás 19:30 horas vaise presentar o libro ‘Animais fantásticos de aldea’, da moza escritora e ilustradora Andrea García Martínez. Inspirado nunha aldea de Courel (concretamente Froxán) e destinado a todo o público, pero sobre todo ao público infantil, non podería haber mellor emprazamento nin oportunidade para a súa presentación, para a cal contaremos coa presenza da autora, que será presentada por Paula Carrera Sotelino, parte fundamental da cooperativa Outonía e residente na mesma aldea de Vieiros.

Pola tarde tamén haberá percorridos interpretados a cargo de Diego García, da Cooperativa Miudiño, entidade asociada a AEGNEA (asociación de empresas de guías de natureza e educadores ambientais), que colabora coa Asociación nesta actividade. Nestes percorridos, que se desenvolverán a partires das 18:00 horas, poderase descubrir Vieiros, unha aldea que naceu no xeo e que os lumes mantiveron viva.

O CourelSon

O CourelSon é un ciclo de Jazz e Blues itinerante que xorde no ano 2018 impulsado pola Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel. Ao longo do ano prográmanse cinco ou seis concertos noutros tantos pobos ou vilas do Courel para recuperar a música nas airas dos pobos e as aldeas.

O CourelSon é moito máis que un ciclo de concertos, tense consolidado como un xeito de reivindicar que o mellor espazo natural de Galicia segue vivo grazas ás súas xentes. Búscase música que encaixe co espazo no que nos atopamos, non actuacións multitudinarias, seguindo a máxima da asociación de procurar o desenvolvemento harmónico, sempre cos pés na terra e na serra.

Os seguintes concertos serán: o 4 de agosto en Mercurín e o 5 de agosto en Seceda.