A Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel organiza dez rutas gratuítas en agosto para dar a coñecer as paisaxes da serra e os seus sabores asociados

Neste momento estás a ver A Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel organiza dez rutas gratuítas en agosto para dar a coñecer as paisaxes da serra e os seus sabores asociados

Xoves, 3 de agosto de 2023.- A Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel organiza para este mes de agosto un total de dez rutas guiadas gratuítas para dar a coñecer as paisaxes da serra e os seus sabores asociados.

As rutas, de dificultade media-baixa, están pensadas para un grupo máximo de dez persoas e darán comezo este sábado día 5 cunha saída por Mercurín que rematará cunha visita a Mel O Galeirón.

Con esta proposta que leva por título ‘Artesanía Alimentaria. Os camiños dos sabores’, desde a Asociación pretenden levar máis alá da contemplación da paisaxe e o desfrute da natureza ás persoas que visitan O Courel. Trátase de que coñezan, desfruten e valoren os produtos que nacen da paisaxe da serra, tales como o mel, as marmeladas, tartas ou carnes, produtos todos eles elaborados por homes e mulleres da Asociación.

Entre os obxectivos do proxecto, ademais de descubrir todos os produtos, está o de que os participantes poidan coñecer os procesos de elaboración en conexión coas paisaxes de onde proceden. E, como parte final, tamén poderán degustalos.

Horario

As rutas faranse de mañá, con saída ás 10:30 horas nos puntos de partida que se indicarán unha vez feitas as inscricións. É preciso enviar un correo a marenoso@gmail.com, indicando nome, teléfono de contacto e correo electrónico. A hora estimada de remata será ás 14:00 horas facendo unha pequena cata dos produtos elaborados polos sociais e socias que participan no proxecto.

É imprescindible levar auga e calzado e roupa axeitados para as rutas.

Para o desenvolvemento e interpretación das mesmas contarase coa colaboración dos guías que traballan no territorio e que son os que mellor o coñecen e divulgan.

Calendario de actividades e colaboradores:

5: O mel. Ruta por Mercurín. Mel O Galeirón.

6: O mel e arquitectura tradicional. Seceda. Mel Coumel.

9 : Os froitos. Camiños de Folgoso. Caurelor.

10 : O sabor dos prados. Louzarela. Carnes de Casa Sidro.

14 : A castaña: Mostaz. Delicias do Souto.

20: O mel e a arquitectura. Seceda. CouMel.

23: O mel. Mercurín. O Galeirón.

24: O sabor dos prados. Louzarela. Casa Sidro.

26: A Castaña. Mostaz. Delicias do Souto.

27: Os froitos. Vilamor/Vilar/Froxán. Caurelor.

25 aniversario

Con motivo do seu 25 aniversario, a Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel deseñou o proxecto ‘2023 Un ano no Courel’ integrado por 11 subproxectos a través dos que transmitir a visión dun Courel con vida, dun Courel con futuro. Un deles é este relacionado coa artesanía alimentaria.

Estes 11 subproxectos estrutúranse en oito actividades que teñen en común a valorización do territorio creando comunidade. “Para elo programamos un gran número de actuacións, algunhas xa consolidadas e outras para experimentar novas liñas de traballo, pero todas co fío condutor de xerar valor a partir do noso amosando o compromiso desta Asociación co futuro da Serra neste 25 aniversario da súa fundación”, explica o seu presidente Marcos Reinoso.

O obxectivo principal da asociación segue sendo o de contribuír a que Courel teña un futuro construído a partir dos seus valores humanos, ambientais e culturais.

O proxecto ‘2023 Un ano no Courel’ conta para a súa realización cunha subvención de 39.315,70 € a través da sinatura dun convenio coa área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Deputación de Lugo.