O II Filandón das Rapatoxas celebrarase en Vilamor do Courel o 30 de setembro

Neste momento estás a ver O II Filandón das Rapatoxas celebrarase en Vilamor do Courel o 30 de setembro

Martes, 26 de setembro de 2023.- A Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel organiza o II Filandón das Rapatoxas, que se vai celebrar en Vilamor do Courel o sábado 30 de setembro.

A Asociación pretende con esta actividade pór en valor a labor do voluntariado xestionado pola coordinadora autoorganizada das aldeas que leva dende o primeiro día traballando en todas as frontes para borrar a pegada do lume. Nesta xornada combinarase o lecer das tradicións ligadas a vida rural da Serra do Courel co traballo do voluntariado.

O programa comeza ás 10:30 horas co obradoiro ‘Crear comunidade’ que imparte Rexenerando S.Coop.Galega. As prazas son limitadas e pódense reservar chamando ao 657 07 58 12.

Á mesma hora haberá unha acción para eliminar piñeiros e mimosas no monte comunal. Esta actividade tamén conta con prazas limitadas, polo que para participar é preciso chamar ao 639 82 56 22.

Ás 13:30 horas farase entrega do premio colectivo á veciñanza do Courel pola súa reacción ante os lumes, que correrá a cargo da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega).

A partir das 16:30 horas, a Cooperativa Outonía encargarase de impartir un obradoiro de superación do trauma despois dos lumes.

A xornada rematará con música a cargo de Col&flor a partir das 19:00 horas.

A iniciativa forma parte das accións levadas a cabo pola Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel e conta coa financiación da área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Deputación de Lugo.

Un mural como símbolo do novo Courel

No marco destas actividades, a Asociación ultima a elaboración dun mural colaborativo a partir de material e técnicas vernáculos: o cal e o cintado/esgrafiado cun deseño contemporáneo no palco da música de Vilamor. Este traballo será supervisado por unha persoa especializada na materia, a artista Caropla Carrot, aínda que se executará de xeito colaborativo. Preténdese que sexa un símbolo do novo Courel tras a vaga de lumes que afectou a serra no verán de 2022.