A Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel celebra a IV Festa da Cantarela o 8 de xullo

Neste momento estás a ver A Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel celebra a IV Festa da Cantarela o 8 de xullo

Martes, 13 de xuño de 2023.- A Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel organiza para o 8 de xullo a IV Festa da Cantarela, que se vai desenvolver en Paderne do Courel ao longo de todo o día.

A IV Festa da Cantarela retoma anteriores edicións nun acto festivo de exaltación deste produto, do seu valor, calidade e posibilidades gastronómicas e comerciais, pero tamén da riqueza e beleza dos espazos naturais da comarca na que se atopa este cogomelo excepcional.

As cantarelas representan un dos cogomelos de maior valor comercial e gastronómico pola súa calidade e amplas posibilidades en cociña. É ademais, unha das especies máis representativas e frecuentes da biodiversidade fúnxica asociada os soutos de castiñeiro, representando un potencial recurso e aproveitamento engadido a estes espazos emblemáticos de gran valor ecolóxico, cultural e económico na comarca de Courel e outros territorios de montaña.

Con esta celebración a Asociación pretende poñer en valor e dar a coñecer un recurso e aproveitamento asociado ao territorio, as súas características e múltiples posibilidades, así como promocionar, a través dun acto festivo e turístico, o coñecemento da comarca e os seus valores naturais e culturais.

Programa da festa

O programa dará comezo o sábado ás 10:30 horas cunha ruta guiada por itinerarios naturais da contorna. A saída estará guiada por membros da Sociedade Micolóxica Lucus e partirá do centro de Paderne (Aira do Quintairo).

Ás 13:00 horas farase a inauguración da festa.

Ás 13:30 horas está prevista unha degustación popular de tapas elaboradas con cantarelas a prezo económico, preparados nas casas rurais do lugar e coa colaboración do chef Héctor López do restaurante España de Lugo.

A partir das 16:00 horas haberá unha representación de instrumentos de música de raíz con Xavier Blanco da Fundación Legar para a preservación da música de raíz. E ás 17:00 horas farase un paseo ata a alvariza rehabilitada do Val Maior.

Colaboran coa celebración desta festa a área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Deputación de Lugo e o Campus Terra da USC.

25 aniversario

Con motivo do seu 25 aniversario, a Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel deseñou o proxecto ‘2023 Un ano no Courel’ integrado por 11 subproxectos a través dos que transmitir a visión dun Courel con vida, dun Courel con futuro. Un deles é a IV Festa da Cantarela.

Estes 11 subproxectos estrutúranse en oito actividades que teñen en común a valorización do territorio creando comunidade. “Para elo programamos un gran número de actuacións, algunhas xa consolidadas e outras para experimentar novas liñas de traballo, pero todas co fío condutor de xerar valor a partir do noso amosando o compromiso desta Asociación co futuro da Serra neste 25 aniversario da súa fundación”, explica o seu presidente Marcos Reinoso.

O obxectivo principal da asociación segue sendo o de contribuír a que Courel teña un futuro construído a partir dos seus valores humanos, ambientais e culturais.

O proxecto ‘2023 Un ano no Courel’ conta para a súa realización cunha subvención de 39.315,70 € a través da sinatura dun convenio coa área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Deputación de Lugo.