Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel
A Asociación fundouse en 1998 coa fin de promocionar actividades que, partindo da riqueza etnográfica e ecolóxica da Serra do Caurel, e á luz do seu acervo cultural, contribuísen ao seu desenvolvemento sostible, sempre dende os valores intrínsecos que esta terra encerra, consolidándoos e proxectándoos.
Dende entón moitas foron as actuacións e actividades apoiadas e organizadas: apertura e mantemento de rutas de senderismo, organización de varias edicións da Festa da Castaña ou a organización da primeira viaxe ao Parque Natural de Somiedo cos veciños e veciñas do Courel na procura de avanzar cara a creación do Parque Natural do Caurel, obxectivo estratéxico desta Asociación.
Xa en tempos máis recentes: o Courel Son cada mes de agosto, con concertos de Jazz e Blues nas airas das aldeas que salpican a Serra, música en contornas inigualables para o desfrute de todos; ou a nosa colaboración activa en todos aqueles eventos que, promovidos por outras entidades, sexan compatibles e coherentes cos obxectivos da Asociación e coa Guía de Boas Prácticas para o Turismo na Serra do O Courel elaborada en convenio coa Fundación Oso Pardo no marco do Proxecto Life-Oso Courel; así, colaboramos nas edicións do BioBlitz Ancares-Courel, na Festa da Cantarela ou nos seminarios sobre o noso patrimonio cultural e nos cursos de verán que organiza a USC na Estación Científica que aquí temos, entre outros.
Somos unha Asociación transversal con preto de cincuenta socios (hostaleiros, empresas de turismo na natureza, xubilados, cazadores, construtores, artesáns alimentarios, gandeiros, apicultores, profesores etc.), e tras máis de vinte anos dende a nosa fundación seguemos mantendo claro o noso obxectivo inicial. E seguemos a dar pequenos pasos cos que contribuímos a por en valor estas montañas, e que terán que conducir, máis pronto que tarde, a que a Administración salde a débeda histórica que con elas ten: O Courel ten que ser Parque Natural, un Parque Natural para vivir e para vivilo. E, para que comprobedes que non esaxeramos, invitámosvos a visitalo.