Luns, 26 de xuño de 2023.- A Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel segue adiante co CourelSon 2023, que o vindeiro venres día 30 de xuño traerá ata o souto de Miraz un concerto moi especial, o segundo dos seis programados para este ano. Abe Rábade presentará o seu traballo ‘Botánica’ nun marco incomparable, acompañado do músico e cantante Davide Salvado a partir das 20:30 horas. O concerto inicial, previsto para o 3 de xuño, tivo que ser suspendido por mor das tormentas.
O traballo de Abe Rábade, un dos pianistas e compositores galegos máis senlleiros, con máis dunha ducia de gravacións ás súas costas, está inspirado nas paisaxes tradicionais da nosa terra, nas que o artista se somerxe por completo. ‘Botánica’ é un canto á paisaxe viva herdada dos nosos antepasados.
A actuación de Abe Rábade e Davide Salvado será nun dos escenarios máis espectaculares do Courel, o souto de Miraz, un espazo para celebrar, desfrutando con todos os sentidos, a resistencia da paisaxe tradicional.
Outras actividades
Ademais do concerto, xusto antes da actuación, as persoas que asistan terán a sorte de desfrutar dunha charla sobre os soutos da man de Pedro Álvarez Álvarez, profesor e investigador da Universidade de Oviedo, unha das persoas que máis sabe destes hábitats no Estado.
O sábado día 1 de xullo seguen as actividades cunha visita á Fundación Uxío Novoneyra e ao souto de Parada, guiados por Orlando Álvarez.
O CourelSon
O CourelSon é un ciclo de Jazz e Blues itinerante que xorde no ano 2018 impulsado pola Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel. Ao longo do ano prográmanse cinco ou seis concertos noutros tantos pobos ou vilas do Courel para recuperar a música nas airas dos pobos e as aldeas.
O CourelSon é moito máis que un ciclo de concertos, tense consolidado como un xeito de reivindicar que o mellor espazo natural de Galicia segue vivo grazas ás súas xentes. Búscase música que encaixe co espazo no que nos atopamos, non actuacións multitudinarias, seguindo a máxima da asociación de procurar o desenvolvemento harmónico, sempre cos pés na terra e na serra.
Os seguintes concertos serán: o 23 de xullo en Paderne, o 24 de xullo en Vieiros, o 4 de agosto en Mercurín e o 5 de agosto en Seceda.