Festival courelson
As orixes. CourelSon 2018. Edu Manazas & Whiskey Tren en Seoane:
A idea de facer un
ciclo de Jazz e Blues nas aldeas do Courel nacera un par de meses antes, pero non había
moitos cartos: descolgamos o teléfono e chamamos a unha das mellores bandas de Blues do
estado para comentarlles a nosa tolería. O 26 de Xullo de 2018, recén chegados de Madrid,
Edu Manazas e a súa lexendaria banda encheron de Blues, por primeira vez, a Vila de
Seoane. Sempre estarán no noso corazón, de aí esta foto, pertencente ao arquivo da
asociación.
Restaurante Anduriña.
As Orixes. CourelSon 2018.
O segundo concerto do CourelSon foi complicado. Tivemos que cambiar de sede a última hora e o levamos a Froxán. Tiny Legs Tim era o protagonista.
Considerado un dos tres mellores músicos novos de Blues europeos, Tim non tivo problema en coller a súa furgoneta e os seus petates e percorrer media Europa, dende a súa Bélxica natal, para achegarse ao Courel. O primeiro que dixo ao baixar daquela Volkswagen coa que
fixera miles de kilómetros foi: “That´s amazing place”. Qué ben o pasamos ceando con Tim e o seu equipo na Casa da Aira de Froxán ao rematar o concerto!!. O que rimos co inglés chapurreado de Toño, coa ansia coa que comía Tim… Chamámolo a inicios do ano 2022 para
repetir experiencia no 2023: “vou encantado”, dixo. Tim era así. E digo era porque, pouco despois daquela conversa enterámonos de que unha complicación durante unha operación por un problema renal deixounos sen esa posibilidade. Como outra doenza nos deixou sen a
risa de Toño. Debémoslle unha a Tim e a Toño. Tim creu no noso CourelSon coma ninguén. Algún día o CourelSon adicará os seus concertos a rendir homenaxe a este espigado xenio belga que aguantou de xeito estoico o ataque de milleiros de mosquitos namentres tocaba nunha aira da aldea de Froxán nunha das noites máis calurosas que un recorda.
Restaurante Anduriña.
As Orixes. CourelSon 2018.
Fotografía de Marcos Canosa. E o CourelSon dese ano pechouse en Paderne coa actuación dun dos tríos de Jazz galego máis recoñecido internacionalmente. Sumrrá presentaron, diante de case trescentas persoas, o seu sexto
traballo discográfico. Despois xa deste concerto, unha cousa quedou clara: había que seguir.
Casa Caselo.
CourelSon 2019
Fotografía de Marcos Canosa. Félix Slim é un tipo curioso: ceutí que vive
en New York, con humor para os monólogos, pero cunha calidade musical inigualable, que o
levou a gañar concursos musicais no mesmo berce do Blues. Dous días de música en directo
e diversión. E unha obsesión por comer xabarín con castañas ( vese que diso non hai en
NY).
O Pontón.
CourelSon 2022.
Foto de Carlos Cortizo. Qué ano máis difícil para Courel!! Difícil pero
debe permanecer na memoria de todos: aquelas máis de 12.000has.queimadas, aquel medo
que asolou á nosa poboación durante case unha semana, non debe ser esquecido. NON
MÁIS PIÑEIROS EN COUREL!! Débemoslle unha aos nosos antergos, aos que coidaron
da paisaxe tradicional que nos salvou do gran lume: soutos, devesas, prados, etc. aguantaron,
como ben sabían os e as de antes, como ben sabemos nós, aínda que ás veces parece que o
esquezamos. Sumrrá de novo, e de novo en Paderne, presentando o seu sétimo traballo:
primeiro concerto despois xa do susto. Centos de persoas que viñeron celebrar connosco a
resiliencia ( palabra de moda) da paisaxe tradicional. Centos de persoas que berramos, por
aquel entón unidas: “Courel, o Courel tradicional segue vivo; non máis monocultivos de
pirófitas!”.
Casa As Triegas.
CourelSon 2022.
Foto de Santiago Solé. Aquel ano tivemos que mudar moitas datas de
concertos. O día no que estaba previsto que tocasen The Fabulous Resaca Brothers en
Vilamor o pobo estaba rodeado polas lapas. Así que agardamos e celebramos con esta banda
de Blues galega, un mes despois, que todo pasara. Vilamor recibiunos cos brazos abertos.
A Cova da Moura.
CourelSon 2022.
A praza do Concello de Folgoso, un día despois da festa do pobo, acolleu
ao trío de Blues madrileño Los Winters. Pino Sambataro, este batería que sae na fotografía,
siciliano de nacemento, pero alleo á fama que os habitantes da súa illa natal teñen entre nós,
falounos de mortadela de calidade, “no lo que coméis aquí”, e tocaron ese Blues eléctrico
homenaxe a Johhny Winter con toda a xuventude courelá bailando ao ritmo de Johnny B.
Goode ou doutros temas a medio camiño entre o Rock e o Blues. Pino, Phineas e Kapo
viñeron dende Madrid só para tocar no noso CourelSon. A data do seu concerto, que
coincidía cunha pequena xira que ían facer por Galicia, tivo que trocar por mor do lume.
Non puxeron ningún problema. Debíamoslle unha: convidalos de novo ao CourelSon 2025.
Casa das Tecedeiras.
CourelSon 2022.
Foto de Santiago Solé. Marcos Coll e Remi Banklyn xa tiñan os billetes
de avión para vir tocar a Seceda en agosto. Pero o concerto tivo que ser en outubro, co medo
á auga e ao frío propio das noites dese mes na serra. A auga agantou; para o frío estaban a
cervexa e, sobor de todo, os bocatas de panceta que fixeron os veciños e veciñas de Seceda
para entrar en calor.
CourelSon 2022.
Marcos Coll é un dos mellores harmonicistas de Blues mundiais.
Lembramos a axenda que tiña prevista antes daquel concerto axendado para agosto e que se
tivo que aplazar ata outubro. Día… de agosto: Seceda do Courel (CourelSon), día…de
agosto(tres días despois): Seúl (Festival mundial de harmónica). Qué gran tipo! Qué gran
concerto!.
CourelSon 2023.
Foto de Bruno Vázquez. Un día de xaneiro de 2023 soa o teléfono e o que
chama é, nada máis e nada menos, que Mingo Balaguer, unha das figuras de Blues máis
importantes do panorama europeo (viña de quedar de segundo nun concurso deses que se fai
en Estocolmo ou Oslo, nun sitio frío) e que quería vir tocar ao noso Ciclo. Claro, cómo non
vas vir, Mingo; e con el Pablo Sanpa. E non só viñeron, senón que quixeron coñecer O
Courel ao día seguinte. E saíron namorados. E sacaron a harmónica e a guitarra acústica en
lugares máxicos e tocaron só para nós e para as mouras que os habitan. E esa música quedou
aí, no aire, como queda todo o bo.
O Alicornio
CourelSon 2023.
Foto de Bruno Vázquez. Mingo en plena actuación.
CourelSon 2023.
Foto de Bruno Vázquez: Pablo Sanpa, sempre sorrindo, aínda que lle rompan as cordas da guitarra.
CourelSon 2023.
Foto de Miguel Ares. Un par de anos antes, Abe Rábade viñera por Courel
para buscar árbores que o inspirasen para un traballo ao que empezaba a dar voltas. Nós
acompañámolo e comentámoslle, en confianza, que tiñamos o mellor escenario se quería
presentar ese traballo. En xaneiro do 2023 ese traballo estaba publicado e chamamos a
Abe…”Pero cómo non o imos presentar aí?”, díxonos. E empezamos a buscar datas…
Atopamos unha e un escenario ideal: o souto de Miraz. “Adiante, pero eu quero tocar cun
piano de verdade”, dixo. E buscamos o piano, e metemos o piano “de verdade” no souto de
Miraz. Abe Rábade e Davide Salvado fixeron o resto. Maxia pura no souto. Celebración da
paisaxe tradicional.
Casa Ferreiro
CourelSon 2023.
No 2023 decidimos que xa era hora de recuperar Vieiros para Courel. E alí
fomos, recibidos como nunca polos veciños e veciñas. CouelSon nace, tamén, como un ciclo
que quere dar oportunidades a músicos que teñen relación coa nosa serra. E aí estaban os
Dúbida, con relación coa aldea de Mercurín. Un concerto por e para o pobo no que tocaron
o que quixeron, a pesares de que un dos nosos senlleiros socios lles dixese “tedes que tocar
Blues”. Tocaron Blues, Funk, Rock e, incluso, algún tema máis popeiro. Pero demostraron
que a música de calidade fai bailar á xente, que non todo ten por qué ser música enlatada e
limitada nas festas tradicionais.
Bar Pombo
CourelSon 2023.
Dúbida en Vieiros.
Fundación Legar.
CourelSon 2023.
Un ano antes, un socio dixéranos: “tedes que escoitar aos Zalomon
Grass”. E escoitámolos, vaia que se os escoitamos!. Conseguimos o contacto ( para algo
valen as RRSS) e mandámoslle unha mensaxe, sen moitas esperanzas, a unha banda que
viña de triunfar nada máis e nada menos que no Festival de Monteaux, o grande escenario
mundial do Blues e do Jazz. Pois aquí apareceron, no gran prado de Esperanza en Esperante
(vaia escenario de luxo!) para facernos botar e saltar a todos e para demostrar que o Blues
cósmico ou o rock progresivo van da man e que a música de calidade non sabe de etiquetas.
Acampamento O Caurel.
CourelSon 2024.
Foto de Santiago Solé. Un día chuvioso en Seceda… Houbo que recoller a
toda velocidade o equipo e resguardarse no Cuarto da Audiencia. Non podía haber mellor
espacio para a Martíns Aneiros Band. Alí, algo encollidos pola auga e frío, o cuarteto de
Santiago demostrou por qué levan máis de 25 anos enriba dos escenarios.
Bar Rafael
CourelSon 2024.
Foto de Bruno Vázquez. Xa hai anos, outro dos nosos socios comentou
que sería bo traer algún concerto de Flamenco Jazz. Pasaron un par de anos e esa idea seguía
na nosa cabeza; e, coa mesma, xurdiu a oportunidade. Marcos Teira, un auténtico mestre da
guitarra española, quería vir ao noso CourelSon. E, con el, Ton Risco, percusionista,
vibrafonista, compositor,… Unha figura do jazz galego. E aí viñeron: a Parada. A tocar
Flamenco, pero tamén versións de clásicos de Jazz ou, incluso, de temas tan coñecidos como
“Alfonsina y el Mar”. O silencio do público, diante do único sonido dunha guitarra española
e dun vibáfono, díxoo todoo. Un gran concerto para rematar o noso CourelSon 2024.
Aloxamentos A Carbiña.
OUTRAS fotos
Entroido 2020.
Foto de Fernándo Yáñez. No ano 2020, un grupo de veciños e veciñas
decidiu unirse para recuperar para o pobo o Entroido do Courel. Aquel primeiro ano
visitáronse numerosas aldeas, sobor de todo do norte do Concello. E en todas se viviron
fermosos momentos, cos veciños e veciñas emocionados ao ver cómo se recuperaba unha
tradición que desaparecera décadas atrás.
O Pontón
Entroido 2020.
Foto de Fernando Yáñez. Moitos dos veciños e veciñas aproveitan a roupa
que teñen na casa para crear disfraces únicos. O éxito do Entroido daquel ano foi un éxito da
veciñanza organizadora, que nos permitiu expoñer estas fotografías.
Bar Rafael.
Festa da Cantarela 2022.
A Festa da Cantarela comezou a organizarse no ano 2018 grazas
ao empeño de Julián Alonso. Dende aquela primeira edición, todos os socios e socias
traballan unidos para o bo desenvolvemento deste evento, adicado ao cogomelo dos soutos.
Neste ano 2022, ademais do menú degustación elaborado por Héctor López, do Restaurante
España, tivemos a oportunidade de coñecer en directo o proxecto da Fundación LEGAR,
momento refrectido nesta fotografía.
Restaurante Anduriña.
Bioblitz 2023.
O 2023 foi un ano de moitas actividades na asociación. Era o nos 25
aniversario e, grazas á axuda da área de Medio Rural da Deputación de Lugo puidemos
manter e mellorar actividades desenvolvidas en anos anteriores. O Bioblitz dese ano se
desenvolveu en lugares tan fermosos como este taro, onde cada un está ao seu, buscando esa
vida oculta que lle interesa.
Bar Pombo.
Xornadas da lá 2023.
Fotografía: Miguel Ares. A axuda de Medio Rural da Deputación
tamén nos permitiu empezar a desenvolver actividades novas, como estas xornadas sobre a
lá, nas que as veciñas falaron e amosaron a súa sabedoría aos asistentes, pero tamén a
artesás vidas doutros puntos de Galicia.
Casa As Triegas
Xornadas sobre a lá 2023.
Fotografía: Miguel Ares. Non había mellor espacio en toda a
serra para acoller estas xornadas que a antiga escola de Miraz. E aí estivemos, en dous días
de convivencia e apredizaxe.
A Casa das Tecedeiras.
Os Camiños dos sabores 2023
Outra actividade que comezou nese 2023 coa idea de
mantela no tempo foron esta serie de rutas nas que tentamos amosar o noso pequeño país a
través dos sabores dos productos asociados ás distintas paisaxes e hábitats do mesmo,
unindo así ás empresas de interpretación e aos productores que loitan por conservar o
territorio.
Aloxamentos A Carbiña.
Festa da Cantarela 2023.
Fotografía: Miguel Ares. Martina e Xavier, da Fundación
LEGAR, volveron no ano 2023, xa asentados na serra, para amosarnos a súa música de
fonda raigame tradicional.
Fundación LEGAR.
Rapatoxas 2023.
A festa das Rapatoxas desenvolveuse en Vilamor. Alí xuntouse xente
desexando disfrutar, pero tamén voluntarios e voluntarias que colaboraron na eliminación
dos piñeiros espontáneos que medraran despois xa dos lumes.
A Cova da Moura.
Os Quilómetros da Biodiversidade 2023
A nosa asociación ten claro que estamos nun
espacio natural único, forxado da unión da natureza e dos labores tradicionais desenvolvidos
no territorio dende hai séculos. Tendo en conta iso, decidimos abrir dúas rutas de un
Km.cada unha, nas que comparamos a biodiversidade dunha zona abandonada dende hai
anos coa doutra na que aínda se siguen facendo labores. Rutas sinxelas para toda a familia
nas que podemos atopar cousas como estas Aporia crataegi que descansan nunha viborera,
ao tempo que podemos fotografar e identificar, coa axuda de expertos a través da aplicación
iNaturalist, as especies de prantas, animais ou cogomelos que atopemos.
Acampamento O
Caurel.
Entroido 2024.
Fotografía: Jorge Arévalo. A pesares que o noso entroido foi recuperado no
ano 2020, coas dificultades consecuentes dos anos seguintes, non parou de coller forza.
Cada vez máis pobos e cada vez máis compromiso por parte da veciñanza, a pesares do frío
ou, incluso, da neve.
Casa Caselo
Xornadas sobre a lá 2024.
Segundo ano destas xornadas; de novo na antiga escola de
Miraz e de novo coa participación e compromiso de veciñas e artesás vidas de toda Galicia.
Casa Ferreiro
Xornadas sobre a lá 2024.
Maruja non tivo problema en convidarnos a café, en falar de
todas as súas cousas e, incluso, en sacar e cubrirse, para a nosa admiración, coas prendas
feitas décadas atrás.
O Alicornio
Contacta con nós
Tes algunha pregunta? Estaremos encantados de poder responder a calquera cuestión. Non dubides en escribirnos.
